Centro

domingo, 12 de junio de 2011

Cunqueiro e as mil primaveras

Pro eu resucitarei que soio volven
os que recordan, compañeiros.
Álvaro Cunqueiro

O 22 do vindeiro decembro celebraremos o centenario do nacemento de Álvaro Cunqueiro (Mondoñedo, 1911-Vigo, 1981). Foi Cunqueiro novelista, poeta, xornalista, dramaturgo, gastrónomo. Pero foi, por riba de todo un home dotado dunha prodixiosa imaxinación, erudición e talento o cal lle permitiu escribir engaiolantes novelas nas que trasladaba ao mago Merlín e a raíña Xenebra a vivir nas terras de Miranda (que para Cunqueiro abranguían Riotorto, Pastoriza, as terras que van do Miño ao Eo); narraba as viaxes do sochantre de Pontivy polos camiños da Bretaña, acompañado dunha comitiva de mortos (segundo contou Cunqueiro nunha entrevista cando describía a Bretaña o que tiña na cabeza era a Terra Cha); fabulaba sobre a vida de Sinbad o mariño, retirado no país de Bolanda; contaba a vida do mozo Ulises ou recreaba a Orestíada de Esquilo..... Así o fixo nas novelas tituladas Merlín e familia (1955), As crónicas do Sochantre (1956), Se o vello Sinbad volvese ás illas (1961), Las mocedades de Ulises (1960) e Un hombre que se parecía a Orestes (1969).

Cunqueiro é tamén autor de relatos breves nos que “conviven”o humor, a brevidade, a viveza, a mestura do marabilloso e o real e as lembranzas dos clientes da botica de seu pai: Escola de menciñeiros (1960), Xente de aquí e acolá (1971) e Os outros feirantes (1983).

A súa produción dramática, inferior á narrativa en cantidade que non en calidade, amósanos un Cunqueiro que pescuda no interior dos humanos para amosar os seus eternos conflitos. Así, en O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca (1959) reinterpreta o Hamlet de Shakespeare facendo que este sexa fillo de Claudio, o usurpador do trono de seu pai.

A obra poética de Álvaro Cunqueiro comeza en 1932 coa publicación de Mar ao norde. Os seus libros de poemas anteriores á Guerra Civil inscríbense no neotrobadorismo (Cantiga nova que se chama riveira, 1933) e no vangardismo de influencia surrealista (Poemas do si e non, 1933). Despois da guerra publicou Dona do corpo delgado (1950) e Herba aquí ou acolá (1980). Neste último, considerado o seu mellor poemario, reúne poemas diversos nos que o combina o culturalismo e o intimismo (o paso do tempo, a morte...). Algúns dos seus poemas foron musicados (entre outros por Amancio Prada e Luis Emilio Batallán), sendo quizais un dos máis coñecidos o popular “No niño novo do vento”, que aparece na banda sonora da película Pradolongo.

En 1980 recibiu o premio Pedrón de Ouro, onde pronunciou un discurso no que afirmou: “Se de min algún día, despois de morto, se quixera facer un eloxio, e eu estivese dando herba na terra nosa, podería dicir a miña lápida: aquí xace alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis.”

No cemiterio de Mondoñedo xace Álvaro Cunqueiro, na súa lápida están gravadas estas palabras súas: “Aquí xaz alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis.”

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.